ANA LAÍNS, UNHA REFERENTE DO FADO EN TOMIÑO

Ana Laíns é unha das maiores intérpretes da música portuguesa dos últimos anos. A súa música abarca varios xéneros como o jazz, a bossa nova, música popular e, especialmente o fado. Conta con varios galardóns, dous traballos discográficos en solitario e un terceiro en proceso. O próximo 25 de agosto actuará xunto á Agrupación Musical de Goián na Praza do Seixo en Tomiño.

Ana Laíns canta por primeira vez en público aos 6 anos. Dende cedo, a artista nacida en Tomar (Portugal) descobre o seu talento innato para a música e aos 15 anos canta o seu primeiro fado. No ano 1999 foi a vencedora da “Grande noite do Fado de Lisboa” e, a partir dese momento, impulsa a súa carreira musical actuando en Francia, Alemaña, Bélxica, Luxemburgo e nos EEUU.

No 2006 sae a luz o seu primeiro álbum “Sentidos” producido musicalmente por Diogo Clemente, onde a artista interpreta poemas dos máis talentosos escritores de fado como son Florbela Espanca, Lídeia Oliveira ou António Ramos entre outros. A sobriedade e a beleza deste álbum consagrou a Ana Laíns como unha gran revelación por dar unha nova cor ao fado e á música portuguesa.

Despois duns anos participando en varios traballos discográficos lanza no 2010 “Quatro Caminhos”, o seu segundo álbum producido de novo por Diogo Clemente. Entre os temas deste disco atópase “Não sou nascida do fado”, o primeiro fado escrito pola propia Ana Laíns.

Nas xiras posteriores Ana Laíns conseguiu encher grandes salas en cidades como Roterdam, Amsterdam ou Berlín. No ano 2011 a prensa holandesa recoñeceu a “Quatro Caminhos” como un dos 10 mellores discos do ano na área de Jazz e World music.

Ana Laíns foi nomeada Embaixadora das Comemorações dos 8 Séculos de Língua Portuguesa (2014). Este recoñecemento, xunto a paixón que ten pola súa lingua, ficarán rexistrados no seu próximo traballo discográfico.

CONCERTOS EN 2017. O 25 DE AGOSTO EN TOMIÑO

Ao longo deste ano 2017, Ana Laíns ten actuado ou vai facelo en varias cidades portuguesas como Lisboa, Sintra ou no Porto. Recentemente participou na XX edición do Festival Voix Vives en Sète (Francia) e nos próximos meses acudirá a Suíza, Suecia e Holanda.

O venres 25 de Agosto, ás 22:30 poderemos desfrutar da actuación desta grande fadista acompañada pola Agrupación Musical de Goián baixo a dirección de Pedro Villarroel na Praza do Seixo (Tomiño). O concerto, que conta coa colaboración do concello, leva por nome “A outra margem do Miño” e fai referencia a amizade entre Galicia e Portugal. Unha amizade que se vai fundir neste evento: dunha “margem” poñen a voz e dende a outra a instrumentación.



X