A Agrupación Musical de Goián participa na merecida homenaxe que o Concello de Tomiño lle adicou este ano ao pintor Mario Rodríguez. Un recoñecemento a achega realizada polo artista tomiñés á cultura e memoria histórica de Galicia.
Neste vídeo, interpretando Our Kingsland Spring de Samuel Hazo, deixamos para o recordo algúns dos mellores momentos do acto cívico.
O pintor naceu en Figueiró o 24 marzo 1931, no seo dunha familia republicana, que tras o golpe militar de 1936 sofre de maneira directa a cruel represión do réxime franquista. O seu pai, Francisco Rodríguez Otero, de profesión practicante e figura política do movemento agrarista, foi fusilado nos comezos da guerra civil. A súa nai, Isaura Gómez Pérez, padeceu a represión polo seu compromiso coa causa republicana como escritora e como viúva de fusilado. Foi exiliado en Bos Aires, e acollido pola intelectualidade galega. Tamén estivo varios anos en Londres e foi recoñecido pola súa arte en distintos países.
Aos seus 86 anos, mantén máis viva que nunca a súa memoria, e mantén o seu estudo en Figueiró.
Fotografía: Gustavo Rivas
Montaxe: Alexandre Pérez